A cidadanía enganada

A crise económica e os medios de comunicación

Non hai xornal -en papel ou dixital-, radio ou televisión que nos últimos tempos non ande a voltas co tema da crise. Recesión, despedimentos, conflitos laborais, paro...son palabras e feitos que ocupan boa parte da axenda informativa de calquera medio de comunicación. Contásenos aos cidadáns e cidadás como a crise económica está a afectar a distintos sectores produtivos e profesionais. Aí temos o exemplo da folga do metal en Vigo ou as loitas contra o ERE de Caramelo. Porén, existe un colectivo que sempre está aí pero do que non sabemos nada ou case nada. Aqueles que se esconden nas redaccións dos periódicos, nos estudos de radio e nos platós de televisión. Falo evidentemente dos xornalistas. Esta profesión presenta xa de por si un grao de precariedade laboral moi alto, pero se as xornadas maratonianas e os salarios baixos son xa tónica habitual, canto afectará a crise económica a este sector?

Os feitos demóstrannos que nos medios galegos estanse a producir despedimentos, prexubilacións masivas e renegociacións á baixa dos convenios colectivos. Por iso ten moita importancia que a cidadanía sexa consciente desta situación, xa que a precariedade laboral no xornalismo inflúe directamente na calidade da información producida, e a quen máis prexudica isto é ao conxunto da poboación. Paradoxalmente, as e os xornalistas, que lle explican ao mundo os conflitos laborais alleos, non poden facer o mesmo cos propios.

A situación laboral en tempos de crise | A precariedade: inimiga da calidade | Xosé Manuel Pereiro: "o que está na nosa man é protestar"

0 comentarios:

Publicar un comentario